Tuesday 14 de May de 2024

Máis de 50 persoas participaron nas visitas xeolóxicas ao Pico Sacro


Geotur Galicia coordinou estas actividades, que se converteron nunha excelente alternativa de lecer durante Semana Santa

Máis de medio cento de persoas optaron por un plan diferente para Semana Santa: participar nas visitas xeolóxicas guiadas ao Pico Sacro. Este programa, organizado pola empresa Geotur Galicia en colaboración co Concello de Boqueixón, rexistrou un novo éxito de convocatoria, con dúas quendas de visitas nestas xornadas festivas.

Dende a organización desta proposta amosan a súa satisfacción pola excelente acollida a estas rutas xeolóxicas. Estas contaron cun máximo de 8 persoas e o guía, cumprindo, así, con todas as medidas de seguridade e prevención contra a expansión da COVID-19.

“A meteoroloxía axudou moito, porque o sábado e o domingo fixo un sol magnífico, e o Xoves e Venres Santos, aínda que estivo anubrado, non choveu nada no Pico Sacro”, indican dende a organización. As visitas contaron con participantes procedentes de distintos puntos de Galicia, “como Santiago, A Coruña, Vigo, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra”. Os grupos estiveron conformados principalmente con familias, xa que, de acordo co guía turístico Joaquín Rubal, “ás crianzas gústanlle moito os relatos de covas, pasadizos, dragóns e tesouros ocultos. Tamén acudiu bastante xente afeccionada á xeoloxía, e que nos comentaba que a oferta turística de visitas xeolóxicas é moi reducida”, concreta.

Entre os detalles que máis chamaron a atención durante estas rutas xeolóxicas salientan “as espectaculares vistas panorámicas dende o cumio do Pico Sacro”, así como “a longa e complexa historia xeolóxica” deste enclave. Do mesmo xeito, “tamén gusta moito o feito de poder ver ben o interior da entrada da Cova do Pico, xa que nas visitas iluminamos o sue escuro interior cunha potente luz”.

Ademais de contar cunha información diferente sobre o Pico Sacro, as persoas participantes nestas visitas xeolóxicas levaron folletos turísticos de Boqueixón. Aproveitouse, así, para animalos/as a regresar de novo ao municipio para descubrir outros puntos de interese turístico.